Sunday 28 de April de 2024

Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee acordan crear unha ruta costeira que unirá algúns dos recursos máis icónicos de Galicia


As organizacións de empresarios turísticos da Ría da Estrela e da Costa da Morte apoian sen fisuras unha iniciativa que traerá importantes beneficios aos dous xeodestinos

Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee veñen de asinar un acordo de colaboración pioneiro para a creación dunha ruta costeira que, con inicio no municipio de Cee e fin no porto de Muros, permitirá concretar diversas iniciativas turísticas destes municipios. En palabras do anfitrión do acto de sinatura e principal impulsor da iniciativa, o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, “nos últimos anos xurdiron no territorio unha serie de iniciativas que eran un claro exemplo dunhas inquedanzas latentes como a Senda Litoral de Galicia, Sendeiros entre Faros, Camiños de Andar ao Mar, Senda das Estrelas… Con este itinerario cultural pretendemos crear un armazón definitivo que serva para a concreción de todas estas iniciativas previas e outras que poidan xurdir no futuro”.

O acordo foi asinado no Hotel Meiga do Mar (Carnota) polas alcaldesas de Muros, María Lago, e de Cee, Margarita Lamela, e polos alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e Dumbría, Raúl González. Un acto no que estiveron acompañados tanto por representantes das súas respectivas corporacións municipais como por integrantes das distintas asociacións de empresarios e hostaleiros da zona como Pepe Senande e Manuel Lema, membros de Hostalaría Ría da Estrela; Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM); e Toño González, directivo da asociación Solpor.

Vertebración do territorio

A ruta transcorrerá por algúns recursos de altísimo valor paisaxístico e cultural como a antiga factoría baleeira de Caneliñas, o faro de Lariño e o resto de praias dos catro concellos. Porén, o seu grande atractivo radica en que transcorre ao carón dalgunhas das máis senlleiras iconas da costa galega como: a Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo, a praia de Carnota, o Monte Louro, o núcleo histórico de Muros e, en ambos os dous extremos, dous Camiños de Santiago: o de Fisterra-Muxía e o da Ría de Muros Noia.

Neste sentido, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asegura que “este acordo é un primeiro paso. Nunha segunda fase, os catro Concellos implicados entraremos en contacto coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e coa Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía para valorar a idoneidade de crear o que podería ser o primeiro itinerario cultural baseado en dous Camiños de Santiago”.

Para poñer en marcha a iniciativa, os catro Concellos acudiron xa ás axudas dos fondos europeos FEMPA, xestionadas polo GALP Costa Sostible, para poñer en marcha unha serie de accións entre as que se inclúen: a delimitación do itinerario cultural entre Cee e o porto de Muros, as tarefas de sinalización e balizamento que serán precisas e a posta en marcha de distintas accións promocionais tales como a creación dun espazo web e a edición de mapas turísticos.

Beneficios económicos

De feito, os representantes das distintas asociacións de hostaleiros e empresarios presentes durante a sinatura do convenio coincidiron en destacar a importancia de contar con este proxecto integrador xa que é quen de superar fronteiras, xerar beneficios económicos e aumentar a percepción do territorio por parte das persoas visitantes. Neste sentido, compre salientar a importancia das asociacións profesionais integradas na iniciativa:

– Asociación turístico comarcal Hostalaría Ría da Estrela, integrada por un grupo de hostaleiros e empresas de ocio da Ría da Estrela con intereses comúns e gañas de promover e poñer en valor este xeodestino.
– Asociación Solpor, nacida no ano 2014 para traballar na promoción do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e conformada por unha gran variedade de socios de diferentes sectores: hoteis, albergues, casas rurais, tendas, distribuidoras, restaurantes…
– Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), integrada por máis de 170 socios entre hoteis, casas rurais, apartamentos e vivendas turísticas, albergues, pensións, hostais, museos, centros de interpretación, comercio, centros de estética, wellness e spa, empresas de turismo activo e actividades na natureza ou náutico-deportivas, restaurantes…

Sobre a Ría da Estrela

A Ría da Estrela é a marca que engloba os atractivos turísticos, culturais e gastronómicos dos municipios de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. Cinco concellos que comparten unha contorna privilexiada e única como é a ría, e que contan cunha hostalería e restauración de calidade, con establecementos de luxo e innovadores que apostan pola calidade do produto, por unha economía sustentable e pola utilización de produtos km 0.